O noso único satélite natural é a Lúa. A súa superficie presenta numerosos cráteres de impacto e outras formas de
relevo que permanecen inalteradas ao longo do tempo porque non ten atmosfera. Non se coñece a súa orixe pero a
teoría máis aceptada indica que procede dun fragmento terrestre desprendido a consecuencia do impacto dun
planetoide coa Terra.
Debido a que a Lúa tarda o mesmo tempo en dar unha volta sobre si mesma ca en dar unha
volta arredor da Terra, sempre mostra a mesma cara; por tanto só vemos unha parte da Lúa, permanecendo a outra
sempre oculta. Ademais, a Lúa reflicte a luz do Sol polo que dependendo da situación relativa dela con respecto a
nós verémola iluminada totalmente ou en parte. Prodúcense así as fases lunares que varían ciclicamente cada 28
días.
A cara oculta da Lúa e as fases lunares son a consecuencia dos movementos de translación e rotación da Lúa.
A rotación lunar é o movemento de xiro sobre si mesma cunha duración aproximada de 28 días . A translación é o
movemento de xiro arredor da Terra, e tamén tarda 28 días en completalo. Ámbolos dous prodúcense no mesmo
sentido.
Efectos da Lúa sobre a Terra
Dende a antigüidade crese que a Lúa ten efectos sobre a Terra e os organismos vivos. Tradicionalmente utilízanse as
fases lunares como referente para escoller o momento de sementar ou de matar o porco e incluso se relaciona o
ciclo lunar co ciclo menstrual das mulleres. Hai moitos estudos que apuntan a que o ciclo vital de moitas especies de
animais e vexetais está influído pola Lúa. A maioría destes efectos non están demostrados cientificamente pero
outros si, como son as mareas.
As mareas.
Entre a Terra e a Lúa existe unha gran forza de atracción gravitacional; as masas da Terra e a Lúa atráense pero non
apreciamos o efecto en materiais ríxidos que non se deforman. Porén, as masas de auga dos mares e océanos sofren
a atracción desprazándose e provocando ascensos e descensos do nivel do mar, as mareas.
A elevación no nivel do mar denomínase preamar e a súa diminución baixamar. As preamares e baixamares
altérnanse ciclicamente cada 6 horas polo que cada día hai dúas preamares e dúas baixamares.
As preamares prodúcense nas zonas onde a Lúa está máis próxima á Terra e máis afastada seguindo o mesmo eixe.
Nas zonas perpendiculares produciranse as baixamares.
As mareas non sempre teñen a mesma amplitude ao longo do ano. Chamámoslle mareas vivas ás de máxima
amplitude e mortas ás que apenas cambian o seu nivel de preamar e baixamar. As mareas vivas prodúcense ao
sumarse a forza de atracción solar á lunar cando están en liña a Terra, a Lúa e o Sol. Pola contra, cando o Sol está
perpendicular ao eixo Terra-Lúa danse as mareas mortas.
As eclipses
A ocultación dun astro por outro denomínase eclipse. Dende a Terra as eclipses que podemos ver a simple vista son
as da Lúa e do Sol.
Eclipse de Sol. Prodúcese pola interposición da Lúa entre a Terra e o Sol, ocultándoo total ou parcialmente; no
primeiro caso falamos de eclipse total e no segundo de eclipse parcial.
Eclipse de Lúa. Prodúcese polo interposición da Terra entre o Sol e a Lúa, producindo o escurecemento desta última.
Isto só ocorre cando os tres astros están en liña polo que só é posible durante a fase de Lúa chea. Tamén pode ser
total ou parcial.
Máis información sobre o nos satélite:
No hay comentarios:
Publicar un comentario