miércoles, 23 de marzo de 2022

O VERBO

O verbo é unha palabra que indica accións, estados ou fenómenos; a este significado léxico, engade outro gramatical mediante os morfemas modo-temporais e número-persoais. 

O verbo realiza a función de predicado na oración e, en liñas xerais, concorda en número e persoa co suxeito ao que se refire.


Que sabemos xa do verbo?


O verbo descomponse en 

  • raíz [R], 
  • vogal temática [VT], 
  • morfema modo-temporal [MMT] 
  • morfema número-persoal {MNP]. 

Segundo a súa raíz ou lexema, os verbos clasifícanse en: 
  • regulares, cando manteñen a mesma raíz en todos os tempos verbais;
  • semirregulares, cando presentan pequenas irregularidades no tema de presente; 
  • irregulares, cando presentan alteracións na raíz do tema de pretérito. Os verbos con alternancia vocálica son semirregulares.

Este cadro amosa de forma ben clara os compoñentes morfolóxicos dos nosos verbos regulares.

Os tempos e modos verbais


O modo indica a actitude do falante ante o contido do enunciado. Os modos verbais son tres: 
  • indicativo (certeza), 
  • subxuntivo (dúbida, posibilidade, desexo...) 
  • imperativo (orde)
Dentro de cada modo existen os diferentes tempos verbais que poden referirse ao presente, ao pasado ou pretérito e ao futuro, con diversas subdivisións e nomenclaturas.

En galego temos os seguintes tempos verbais;



Cando empregamos cada tempo?

INDICATIVO (modo non marcado, expresa a realidade)

Presente (ando, varro, parto):
1. Tempo presente e aspecto imperfectivo: falamos moito esta tarde.
2.1. Presente intemporal ou permanenteo carballo é unha árbore.
Realidades concibidas fóra do tempo, eternas ou de validez ilimitada.
2.2. Presente habitualtemos clase polas mañás.
Accións que se repiten con regularidade.
2.3. Presente por futuro (prospectivo)vémonos mañá.
Acción futura.
2.4. Presente históricoRosalía publica Cantares Gallegos o 17 de maio de 1863.
Acción pasada: frecuente en narracións para dar viveza e proximidade psicolóxica.
2.5. Presente imperativoTi fas todo o que che manden.

Copretérito ou imperfecto (andaba, varría, partía)
1. Tempo pasado, aspecto imperfectivo: moi ben o pasabamos no verán.
Tamén, valor relativo relacionado con outro tempo: cando cheguei á casa, saía Lula.
2.1. De cortesíaeu quería saber se venden ordenadores.
Para preguntar ou pedir algo.
2.2. NarrativoUnha vez había un home ao que lle medraba a orella dereita.
Con certa vaguidade temporal.

Pretérito ou pretérito perfecto (andei, varrín, partín)
1. Tempo pasado en relación ao presente, aspecto perfectivo: chegou onte pola noite.
2.1. Anterior a un momento futuro: cando chegue a noite xa se esqueceu.
2.2. Futuro negativoo coche que che prometín creo que xa o viches.

Antepretérito ou pluscuamperfecto (andara, varrera, partira):
1.Acción anterior a outra pasada: cando cheguei á estación xa marchara o tren.
2.1. De cortesíaquixera que me deixase unha cousa.
2.2. Desiderativoquen me dera esa moto!
Este tempo pode aparecer en contextos idénticos aos do pretérito de subxuntivo (non sabía que estiveras, non sabía que estiveses). Pero a forma en -se non pode aparecer cos valores do antepretérito de indicativo: cando cheguei, xa *marchase o tren.

Pospretérito ou condicional, futuro hipotético (andaría, varrería, partiría)
1. Acción posterior con respecto ao pasado: dixo que despois che faría o encargo.
2. Probabilidade (sen significado temporal): serían moi intelixentes, pero fracasaron.

Futuro (andarei, varrerei, partirei)
1. Acción que se realizará despois do presente: pasadomañá xogaremos un partido.
2.1. De obrigatoriedademañá estudarás máis.
2.2. De probabilidadeterá cincuenta anos.


SUBXUNTIVO (modo da irrealidade; no terreo do desexo, da posibilidade…)

Presente (ande, varra, parta)
  1. Tempo presente: dille que vaia hoxe.
  2. Tempo futuro: quero que fagas todo isto.
  3. Imperativo: non berres que non son xordo.
Pretérito (andase, varrese, partise)
Pode indicar pasado, presente ou futuro, dependendo da situación na que se estea a falar: aconselloume que vise aquela película, non creo que chegase aínda.

Futuro (andar, andares…)
Acción non real con probabilidade de realizarse: cando viñeres pola casa, veralo.
(Vid. máis adiante)

IMPERATIVO: Expresa ordes, suxerencias, consellos…
Só ten como formas propias as p2 e p5: anda, andade; varre, varrede; parte, partide. Nas outras persoas emprégase o presente de subxuntivo:
responde ao que che preguntan,
que respondan ao que lles preguntan.

En galego non temos tempos compostos! Nada de *he feito (fixen) nin de *houbera estudado (estudara)!  A xornalista Esther Estévez, de «Dígocho eu» explícao ben clariño neste vídeo:








O infinitivo conxugado e as perífrases verbais


O infinitivo conxugado é unha forma verbal característica do galego e debemos priorizar o seu uso.

As perífrases verbais son expresións formadas por dous verbos: o primeiro, en forma conxugada (auxiliar), achega o significado gramatical; o segundo, en forma non conxugada, achega o significado léxico.





No hay comentarios:

Publicar un comentario

Logros e retos da UE